José María a la búsqueda de Cancelo el flautista.
Antonio Díaz Fuentes escribió en 2002 en su libro "Cuentos de pueblo, cuentos de Sarria" sobre Cancelo, un flautista que todos los 23 de junio desfilaba por la Calle. Hoy, su hijo José María escribe sobre la búsqueda de este Cancelo, y me acaba de dar permiso para reproducirlo aquí y no pondré nada más de mi cosecha que pueda estropearlo, aunque tengo mi teoría sobre qué andamos buscando, en realidad, los hijos cuando intentamos seguir huellas de nuestros padres.
Cando hai pouco máis dun ano me preguntou Veronica Quintela Lopez por personaxes para crear novos cabezudos para o San Xoán, lembrei a historia de Cancelo que narrara o meu pai no seu libro de contos de Sarria e que podedes ler nesta captura de El Progreso de Lugo se queredes entender o que sigue.
Dende entón ando na pescuda de Cancelo e da súa frauta.
Empecei subindo a Gosende. Alí dixéronme que quizais o que mercara a frauta –hai máis de setenta anos– fose Basilio Marón do Bar Madrid. Basilio, de ser certa esta pista, podería ser aquel “rapaz loco por la música que compró la flauta de Cancelo antes de emigrar a Brasil”. Seguín logo preguntando. Achei que eses dous datos non eran nin completamente certos nin completamente falsos. Basilio emigrara a Venezuela, non a Brasil. Seica lle gustaban os libros, pero a música...? Outros irmáns marcharon facer as Américas. Porén, ningún a Brasil.
Deixei de momento a frauta –perdido o seu rastro nun transatlántico da posguerra, nos anos da fame– e púxenme decontado co frautista. Cal era o verdadeiro nome de Cancelo? Sabiamos, polo conto, que era da Casa de López. Subín a Cancelo e preguntei por un home que ao mellor se chamaba “Arcadio López”, que tocaba a frauta nos anos corenta polas aldeas... Os López de Cancelo non sabían de ningún Arcadio, pero si de Pepe da Frauta. E dixéronme tamén que o antepasado frautista morrera en Castroncán.
Alí baixei e o señor José, de 92 anos, levoume á casa de Castroncán de Abaixo onde el mesmo velara toda a noite ao frautista, ata a chegada do xuíz pola mañanciña. Outra veciña, a señora Celia, tamén de 92 anos, dicíame lembrar o son da frauta saíndo polas fiestras da casa veciña. E non era a única que se acordaba. Dende Castroncán subín á Balsa, pero tiven que baixar fuxindo de tres cadelos que me querían comer, non sen antes conseguir o enderezo dun sobriño-neto, quen me deslumbrou coa lembranza do espectáculo dos sons do frautista ao saír da misa nas festas do Santiago de Cancelo.
Nas terras altas de Triacastela asegurábanme que a frauta acabara no Xulgado de Paz de Samos. Levouna o xuíz que foi a Castroncán de Abaixo levantar acta do falecemento?
Pero para poder avanzar, para poder buscar nos rexistros, aínda me faltaba o nome completo do frautista. A través dunha amiga de Triacastela puiden ler as actas de defunción de dous irmáns de Pepe da Frauta. O apelido completo era López Fernández.
Con este dato tirei para Samos. Tras buscar en tres vellos libros do Rexistro Civil atopamos ao fin a acta de defunción de Cancelo, o meu homónimo: José María López Fernández, Pepe da Frauta. E tamén coñecín que Cancelo non nacera na casa materna de Cancelo senón na paterna de San Mamede (Sarria) i entón souben que esta longa viaxe, que ía de parroquia en parroquia, non rematara aínda porque o frautista podería ser tanto de San Mamede da Chanca como de de San Mamede do Camiño.
Xa co nome, apelidos e data de falecemento –16 de febreiro de 1947– busquei algunha lápida nos cemiterios de Cancelo e de Castroncán. Nada atopei.
![]() |
| De estado soltero y de profesión PORDIOSERO indicaba el juez de paz de Samos en el acta de defunción |
Pero había que saber onde nacera e no Rexistro Civil de Sarria poñía que naceu tamén un 16 de febreiro, de 1879, finalmente en San Mamede do Camiño, ao pé da “Carral Fremosa”. Pepe da Frauta vivíu sesenta e oito anos. Naceu e morreu no mesmo día de mediados de febreiro, ás portas da primavera.
E a frauta? Outro sobriño-neto do frautista dicíanos que acabara no Xulgado de Samos. Pero alí se perdía a pista, no caso que fora a pista boa, e non a de Gosende, recollida no conto.
En canto aos nomes, non sei por que o meu pai lle puxo Arcadio. Quizais falloulle o informador, pero tamén pode ser que escollera o nome como metáfora da Arcadia pastoril e idílica, ese país imaxinario das Églogas de Virxilio e dos poetas do Renacemento. Ou se cadra no conto foi deixando un regueiro de pistas falsas para que non atopásemos nunca a Cancelo e protexer así a súa memoria que soamente algúns nonaxenarios lembran. E por que ía protexela?, preguntará algún espelido. Porque os datos que agora temos do Pepe da Frauta de carne e óso non coinciden exactamente cos de Arcadio “Cancelo”. Disque máis que asemellarse a Apolo, Cancelo asemellábase ao deus Pan, amigo das ninfas e do viño ... pero tamén ceibe coma os paxaros, como as cabras do monte, con todo o que iso significaba naqueles tempos.
Sexa como fose, un Apolo ou un Pan, con borceguíns ou con zocas, tocado de loureiro ou de piñeiro, ou –o que finalmente é máis probable– unha mistura das dúas cousas, Cancelo é un personaxe que ben paga a pena lembrar. Eu seguirei na pescuda de fotografías deste home, para que de hoxe nun ano, no solsticio do verán, poidamos ver á nosa frautista Noel González baixando a rúa Maior enfundada nun cabezudo que anuncie a chegada do bo tempo mentres os rapaces e raparigas o aclaman, Xa chegou Cancelo!, Cancelo chegou!, como dato de dignidade do meu pobo.
Sarria, San Xoán 2019.
![]() |
| Foto: probablemente de Requejo, 1910 ca., a sombra do frautista é cortesía de Photoshop |



Comentarios
Publicar un comentario